Últimos stands dispoñibles para Stock Pontevedra, a feira de oportunidades
Por Redacción
O Centro Comercial Urbano Zona Monumental anuncia que as empresas interesadas en participar en Stock Pontevedra poden solicitar os últimos metros que quedan de espazo no Recinto Feiral.
Esta feira comercial en que os empresarios expoñen para a venda toda a súa oferta de oportunidades celébrase do 1 ao 3 de febreiro. O Recinto Feiral convértese durante eses días nun gran centro de venda ao público, con 4.500 metros cadrados de exposición de artigos. A organización agarda que este ano asistan ao redor de 20.000 persoas.
Polo momento, hai 60 empresas que xa confirmaron a súa asistencia a este evento que se converteu xa nunha cita habitual no período de rebaixas na cidade. Stock Pontevedra preséntase como unha alternativa para aqueles comerciantes que teñan problemas de stocks, non cumpriran os seus obxectivos de vendas ou o seu establecemento non lle permite levar a cabo unha campaña de rebaixas.
As persoas interesadas en participar poden solicitar, de luns a venres, o boletín de inscrición no local da asociación Zona Monumental, situado na rúa Sierra, número 1, baixo, a través do teléfono 685.896.569 ou no correo electrónico info@ccuzonamonumental.es
As empresas asociadas ao Centro Comercial Urbano Zona Monumental ou a AEMPE contan cun 25% de desconto.