O albergue Jamarte vence no concurso de tapas de Ponte Caldelas
Por Redacción
O albergue Jamarte coa tapa "Cesto marinero" gañou o concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, que se celebrou durante o pasado mes de decembro coa organización do Concello de Ponte Caldelas.
O concurso gastronómico contou este ano coa participación de 11 locais, que ao longo das noites de venres do mes de decembro conseguiron vender algo máis de 5.000 tapas, mantendo así o gran nivel de aceptación que esta iniciativa gastronómica acadou en Ponte Caldelas.
O fallo estivo a cargo dun xurado profesional integrado por Pepe Vieira (unha estrella Michelín) e a reposteira e organizadora de eventos local Conchi Amoedo. O xurado emitiu o seu voto despois dunha exhaustiva cata de todas as propostas e deixou o seu fallo nun sobre lacrado, que foi aberto este luns en acto público en presenza de varios dos hostaleiros participantes.
O xurado destacou a coidada elaboración da tapa gañadora, que soubo combinar peixes e mariscos xogando coas cores e texturas para envolver sabores a mar moi potentes e sabiamente combinados. Todo elo cunha presentación impecable.
A relación de participantes desta edición estivo formada polo Bar Parada (Potaxe mariñeiro), Cervecería Alameda (Esencia do Alameda), La Tribu (Frijoles charros), O ́Recanto (Bocado canario), Tapería Victoria (Victoria), Restaurante 501 (Crema de rebozuelos con marisco y algas kombu), bar Bora Río (Marisco de cortello), albergue Jamarte (Cesto marinero), Verdugolandia (Cazuelita de alubias con coliflor y gambas), Asador del Chavo (Risotto de setas y gambas) e Pastelería Acuña (Tosta serrana).
As tapas de Ponte Caldelas ofrecéronse durante todo o mes ao prezo de 2,50 euros, incluíndo tamén a bebida, o que contribuíu unha vez máis ao éxito do certame, que foi quen de atraer a moito público dos concellos dos arredores.
O equipo de goberno de Ponte Caldelas decidiu hai dous anos desdobrar o concurso de tapas de verán cunha edición de Nadal como fórmula de apoio constante á hostalería.
Relacionadas:
-
Casa 501, gañador da quinta edición do concurso Caldelas Tapas Quentes
Por Redacción |
-
Doce establecementos hostaleiros participan nun novo Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Unha reinterpretación da bullabesa marsellesa triunfa no Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
As tapas convértense en protagonistas nas noites de venres en Ponte Caldelas
Por Redacción |