Unha soa empresa opta a reabrir a cafetería da praza da Liberdade
Por Natalia Puga
Unha soa empresa interesouse finalmente en reabrir a cafetería da Praza da Liberdade. Varios empresarios do sector da hostalería interesáronse en optar ao contrato de explotación proposto polos técnicos do Concello de Pontevedra para estas instalacións e o pasado mes de novembro acudiron a visitar o local, pero tan só un deles formalizou a súa oferta.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, indicou que se abriron as plicas e tan só había unha oferta técnica, presentada por un empresario de Soutomaior que ten na actualidade unha bocatería na localidade de Arcade, Javier Míguez Parada.
Abriuse a oferta técnica presentada e agora será a quenda de que os servizos técnicos municipais revisen a documentación presentada para confirmar se cumpre o prego de condicións do concurso e é coherente cos requisitos esixidos. No caso de que o cumpran, abrirase a oferta económica presentada.
O contrato de explotación proposto polos técnicos do Concello inclúe un prazo de concesión de quince anos -coa posibilidade dunha prórroga por tres máis- e o pago dun canon mínimo de 12.000 euros anuais.
As instalacións necesitan unha reforma porque presentan diversas deficiencias. Segundo un informe do Concello, necesítase un investimento de 100.664,03 euros, que terán que ser asumidos polos licitadores, coa liberdade de adoptar as solucións técnicas e estéticas que consideren adecuadas, sen cambiar a estrutura da cafetería.
A instalación dispón de 139,5 metros cadrados construídos e ten a posibilidade de instalar terrazas nas traseiras (157 metros cadrados) e na parte dianteira (cara á Audiencia, de 46,7 metros cadrados).
Relacionadas:
-
A cafetería da Praza da Liberdade será reformada para acoller un local social que xestionará a Federación Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello prevé contratar unha empresa para xestionar a cafetería da Praza da Liberdade
Por Alejandro Espiño |
-
Queda deserta a adxudicación da cafetería da Praza da Liberdade
Por Alejandro Espiño |
-
Amplían o prazo para presentar ofertas á concesión da cafetería da Praza da Liberdade
Por Redacción |
-
Novo intento para abrir a cafetería da Praza da Liberdade: propoñen contrato a 15 anos
Por Alejandro Espiño |