A Garda Civil detén un home no Grove que estaba reclamado xudicialmente
Por Redacción
A Garda Civil localizou durante a última semana catro persoas na provincia que foron detidas por estar reclamadas por distintas autoridades xudiciais.
Unha desas detencións, a primeira delas, tivo lugar no Grove, onde os efectivos do posto da Garda Civil no municipio localizaron a J.C.F., de 48 anos, e procederon á súa detención ao pesar sobre el unha orde de ingreso en prisión tramitada polo Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra.
Ademais, por circunstancias similares, axentes do Instituto Armado detiveron nas últimas horas en Moaña a un veciño de León de 47 anos, reclamado por un xulgado de Valladolid, e a dúas persoas máis en Mos ao estar reclamados polos xulgados de Ponteareas e O Porriño.
Trátase de casos relativamente habituais, e é que durante todo o ano 2018 a Garda Civil localizou a 160 "procesados rebeldes" na provincia de Pontevedra.
De todos eses casos e por municipios Ponteareas levou a palma con 15 detidos, seguido de Poio con 13 e Sanxenxo con 12.