Cuntis pide á Xunta que tome medidas contra os danos provocados por unha explotación gandeira
Por Redacción
O Concello de Cuntis solicitará á Xunta de Galicia que tome medidas contra unha explotación de ganado mostrenco que está a causar danos na zona de Mesego.
Segundo sinalou o alcalde, Manuel Campos, a Policía Local e a Garda Civil, a través do Seprona, leva máis dun ano recollendo denuncias contra o propietario do gando debido aos danos en leiras e cultivos e tamén polos problemas de seguridade viaria que provoca na zona.
Os animais, aseguran, están identificados e proceden dunha explotación concreta.
O problema non está na explotación gandeira en si, xa que "favorecen o coidado do monte" e colaboran na "protección contra os incendios forestais", recoñece Campos. Con todo defende que os animais deben estar controlados para evitar problemas e danos aos veciños.
En Mesego, asegura o Concello, existen outras explotacións "que non causan danos e están plenamente controladas".