A Brilat estuda "seriamente" abandonar Pontevedra ao entender que o acordo con Salcedo é "imposible"
Por Alejandro Espiño
"As cantidades que eles ofertan e as nosas se alonxan bastante", aseguraba o presidente dos comuneiros de Salcedo, Fernando Pintos, trala reunión celebrada este mércores en Madrid con responsables de Defensa. E tanto que se afastan. Segundo puido averiguar PontevedraViva, Defensa estuda "seriamente" que a Brilat abandone Pontevedra ao entender que o acordo cos comuneros é "imposible".
Antes do primeiro encontro oficial que ambas partes mantiveron este mércores en Madrid, Defensa e as comunidades de montes de Salcedo, Vilaboa e Figueirido mantiveron unha serie de contactos previos. Nunha desas xuntanzas decidiuse pedir unha tasación independente dos terreos que ocupa a Brilat. Tratábase de averiguar o valor por hectárea que tería toda a zona se os comuneiros vendesen a madeira que se podería producir alí.
Segundo fontes coñecedoras deste proceso, ese informe foi solicitado ao servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os técnicos da Xunta de Galicia determinaron que por cada hectárea que ocupa a Brilat, Defensa debería pagar un canon anual de 402,51 euros, o que obrigaría ao Ministerio a desembolsar uns 70.000 euros ao ano. Así se determinou neste informe inicial.
Fronte a estas cantidades, que Defensa cualifica de "razoables e asumibles" na reunión celebrada en Madrid, a Comunidade de Montes de Salcedo esixiu que Defensa pagase por cada hectárea 5.000 euros ao ano. En total, os comuneiros pretenden cobrar anualmente 880.000 euros anuais pola presenza da Brilat nos seus montes, unha cantidade considerada a todas luces "imposible de facer fronte" pola institución militar.
Ademais, en cumprimento das sentenzas que obrigan á Brilat a devolver a Salcedo unhas 80 hectáreas da base, ese canon pagaríase por unha base moito máis pequena. Actualmente, a Base Geneal Morillo ocupa un total de 217 hectáreas de monte comunal, das cales 172 corresponden a Salcedo, 25 a Figueirido e 20 a Vilaboa. Aínda que neste acordo entraría unha cuarta comunidade de montes, a de San Xulián de Marín.
Un informe de Medio Rural establece como xusto un canon de 70.000 euros anuais e Salcedo pide 880.000 euros
E por que? Pois porque ofreceron unhas 38 hectáreas do seu monte comunal para que a Brilat traslade a elas o seu campo de manobras e adestramento ou a coñecida como aldea afgana, instalacións que se atopan nos terreos que debe devolver a Salcedo. Por iso, os responsables de San Xulián, que xa fixeran este ofrecimiento de forma pública en varias ocasións, participan tamén dos contactos con Defensa.
Co ofrecimiento da comunidade de montes marinense, a Brilat ocuparía 176 hectáreas, fronte ás 217 actuais. Trátase dun espazo do que Defensa está disposta a renunciar porque entende que non causaría quebranto algún na actividade diaria da base. Un cuartel máis reducido obrigaría a facer certas manobras fóra de Pontevedra, probablemente en Lugo, o que faría aumentar notablemente os seus gastos de funcionamento.
Ante este "prezo altísimo" esixido polos comuneiros, do que Defensa responsabiliza exclusivamente á comunidade de montes de Salcedo, desde o Ministerio suxiren que se non hai un cambio "drástico" pola súa banda, "é máis que unha realidade" que a Brilat veríase obrigada a abandonar Pontevedra e buscar unha nova ubicación. "Salcedo é a que máis hectáreas ten e se non se chega a un acordo con ela, non se pode nada", aseguran as fontes consultadas.
Relacionadas:
-
Jacobo Moreira advirte aos comuneiros de Salcedo do risco de porfiar coa Brilat polos terreos da base
Por Redacción |
-
Os comuneiros queixanse de que intentan "criminalizalos" pola negociación dos terreos da Brilat
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Salcedo apostan por seguir negociando convencidos de que a Brilat non abandonará Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Louzán e Moreira piden responsabilidad para evitar que a Brilat se vaia de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Defensa e comuneiros, enfrontados pola cuantía do canon a pagar polos terreos da Brilat
Por Oskar Viéitez |