Denuncian que a policía portuaria de Marín non ten persoal nin medios suficientes para garantir a seguridade
Por Redacción
As seccións sindicais de CCOO, CXT, CIG, UXT e o Sindicato de Policías e Bombeiros ( SPPLB) da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra denuncian un "incremento alarmante da inseguridade" durante os últimos anos nas instalacións e atribúeno a cuestións como a falta de persoal e medios suficientes na policía portuaria e a outros factores como a falta de formación específica ou a falta de coordinación con outras Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Entre outras críticas, aseguran que o CCTV (Circuíto pechado de televisión) está completamente obsoleto e as cámaras permanecen avariadas durante varios meses, que a Autoridade Portuaria carece por completo dunha cultura de seguridade nin a fomenta entre os usuarios e que a policía portuaria non recibe formación nin está dotada dos medios materiais adecuados.
Segundo explican, ao non existir, como noutros portos, coordinación con outras Forzas de Seguridade nin intercambio de información coas súas bases de datos, dáse a circunstancia de que calquera vehículo, aínda que conste como sospeitoso ou perigoso nas bases de datos da Policía Nacional ou da Garda Civil, pode acceder ao Porto sen ningún problema nin aviso previo.
En canto ao persoal, indican que é insuficiente e que, ademais, non se cobren baixas nin excedencias nin se reforza ao persoal en períodos vacacionais ou cando se producen actos que supoñen un aumento da carga de traballo. Non é estraño que permaneza un único axente de policía de servizo para todo o recinto, segundo explican.
Ademais, aseguran que o 59% do persoal da policía portuaria está formada por persoal eventual, o que implica unha sobrecarga de traballo no resto do persoal. Amortízanse postos de traballo e danse circunstancias rechamantes como, por exemplo, "obrígase ao persoal electricista, en virtude dunha máis que cuestionable mobilidade nocturna, a disfrazarse de policía".