O goberno local de Moraña quere afrontar 18 obras no primeiro semestre deste ano
Por Redacción
O goberno local de Moraña ten previsto afrontar 18 novos proxectos que mellorarán ás nove parroquias do municipio neste primeiro semestre de 2019. A inicios deste ano, a alcaldesa Luisa Piñeiro espera que xa se acometa a mellora viaria e peonil en Chan de Amil, que conta con cofinancamento do Plan Deporemse da Deputación; ademais abordará a praza pública con parque infantil de Cosoirado; a construción do novo local social de Alende; executará o plan de acondicionamento de vías e camiños en seis parroquias; humanizarase o acceso á igrexa de Rebón; ademais de sinalizar os principais bens patrimoniais e turísticos deste municipio.
O Concello indica que durante o último ano e medio realizáronse 52 obras de relevancia nas diversas parroquias. Neste sentido, Luisa Piñeiro destaca a mellora da contorna do Menhir de Gargantáns coa creación dun aparcadoiro. Tamén sinala que se realizou un importante investimento no CPI Santa Lucía para mellorar a eficacia enerxética e no antigo mercado, unha obra que se acomete actualmente.
Segundo a alcaldesa están a realizarse practicamente tres obras ao mes consistentes en asfaltados, saneamentos, recuperación de lavadoiros, creación de parques infantís, de sendas e a instalación de sinalizacións.