A xuízo por abusar dun menor con discapacidade á que convencía con diñeiro ou lambetadas para que o acompañase
Por Redacción
Un home sentará o vindeiro martes día 15 no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra por presuntamente abusar dun menor con discapacidade psíquica e física ao que convencía con diñeiro ou lambetadas para que fose con el a zonas escondidas ou á súa casa.
A Fiscalía pide que sexa condenado a nove anos de cárcere como autor dun delito continuado de abuso sexual non consentido con abuso de trastorno mental e penetración.
O xuízo estaba inicialmente sinalado para a súa celebración o pasado mes de novembro de 2018, pero o tribunal da Sección Segunda aprazouno dous meses, ata este martes, a petición de todas as partes personadas na causa unha vez que se detectou que faltaba un informe pericial do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) solicitado para esta causa que naquel momento aínda non chegara á Audiencia. Desde o tribunal volveuse solicitar.
O acusado e a súa presunta vítima residían na mesma localidade do Morrazo cando ocorreron os feitos que se van a xulgar, entre os anos 2015 e 2016. A vítima é unha persoa que presenta un atraso mental moderado e un grao de discapacidade do 70%.
Segundo o fiscal, o acusado actuou "con ánimo de satisfacer os seus impulsos sexuais" e convenceu á súa vítima con diñeiro ou con lambetadas para que o acompañase á súa casa ou a zonas escondidas da súa localidade de residencia, onde se produciron os abusos e agresións sexuais en varias ocasións.
O acusado ten unha orde de afastamento da súa vítima e a Fiscalía solicita que, unha vez que sexa xulgado, sexa condenado á prohibición de aproximación a menos de 100 metros da súa vítima, tanto do seu domicilio como de calquera lugar onde se atope durante dez anos. Tamén pide a medida de liberdade vixiada durante cinco anos e que indemnice á súa vítima con 20.000 euros polos danos morais ocasionados.
O xuízo celebrarase a porta pechada e sen a presenza de público nin de medios de comunicación para poder preservar a identidade da vítima dos abusos. Por este mesmo motivo, non se difundirán máis detalles dos feitos que os aquí apuntados.
Relacionadas:
-
Xulgan a porta pechada un home acusado de abusar dun menor con discapacidade durante anos
Por Natalia Puga |
-
A falta dun informe pericial obriga a suspender un xuízo por agresión sexual a un mozo con discapacidade
Por Natalia Puga |
-
A xuízo en Pontevedra por abusar sexualmente dunha persoa con discapacidade psíquica
Por Redacción |