Buscan dous homes que abandonaron en Tenorio un coche implicado en roubos en Asturias e fuxiron ao monte
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén activo un operativo de procura para lograr localizar a dous homes que na tarde-noite deste xoves fuxiron dun control de velocidade de Tráfico en Cerdedo-Cotobade e, tras varios quilómetros de persecución, deixaron o vehículo tirado e saíron correndo cara ao monte.
As tarefas da Garda Civil para rastrexar a zona de monte pola que fuxiron aínda non deron resultado, pero as investigacións realizadas si permitiron xa pescudar que o vehículo que eles deixaron tirado para escaparse está a nome dun cidadán de orixe polaca e está vinculado con varios roubos polo procedemento do butrón perpetrados recentemente en Asturias.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o vehículo foi captado polo radar de Tráfico circulando con exceso de velocidade sobre as 20.00 horas deste xoves na zona de Viascón, en Cerdedo-Cotobade. Unha das patrullas que estaba a realizar o control de velocidade procedeu a darlle o alto para notificarlle ese exceso de velocidade e a proposta de sanción, pero o condutor desatendeu os sinais e emprendeu a fuxida.
Pouco despois, xa á altura de Tenorio, os dous homes que circulaban no turismo abandonárono e fuxiron a pé en dirección ao monte. Nese momento, deuse aviso a outras unidades da Garda Civil e realizouse unha primeira procura pola zona boscosa. Retomárona na mañá deste venres, pero non deu resultados.
A Garda Civil descoñece a identidade dos dous homes que fuxiron e tampouco teñen hipóteses sobre cal pode ser o seu paradoiro actual, pero poden continuar nos montes de Cotobade ou estar xa a moita distancia. Barállase que poidan formar parte dunha banda itinerante de ladróns que se dedica a moverse por todo o territorio español cometendo roubos.