Investigado pola vía penal un mozo interceptado con anfetaminas, haxix e marihuana en Bueu
Por Redacción
Un veciño de Bueu de 24 anos está a ser investigado pola vía penal tras ser interceptado pola Garda Civil nun control de estrada con anfetaminas, haxix e marihuana.
Segundo informou a Garda Civil, os feitos sucederon a pasada fin de semana no transcurso dun punto de verificación de vehículos establecido por efectivos da patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil de Pontevedra no núcleo urbano de Bueu.
A actitude sospeitosa do condutor dun dos vehículos interceptados no dispositivo propiciou que os axentes realizasen unha minuciosa inspección do turismo. No rexistro atoparon escondidos debaixo do embellecedor da caixa de cambios oito envoltorios de plástico que contiñan 40 doses de MDMA, algo máis de 10 gramos de haxix e unha pequena cantidade de marihuana.
O condutor do vehículo, que recoñeceu ser o propietario da droga incautada, ten varios antecedentes por infraccións administrativas relacionadas coa tenencia e consumo de estupefacientes.
O mozo está investigado penalmente por un presunto delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas. Quedou en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido. O Xulgado de Instrución número 1 de Marín instrúe a causa e chamaralle a declarar.