As obras de Benito Corbal revolucionarán o tráfico no centro durante catro meses

Por Alejandro Espiño

© Concello de Pontevedra

© Mónica Patxot
A partir do luns será algo máis complicado circular polo centro da cidade. Arranca a reforma urbana de Benito Corbal, entre Sagasta e Cobián Areal, unhas obras que durarán uns catro meses e que revolucionarán o tráfico en toda esta zona.
O goberno municipal recoñece que esta é unha obra "complexa", xa que vai ser reformada unha zona "tremendamente densa" en canto a poboación e tráfico peonil. É ademais un dos accesos ao aparcadoiro subterráneo de Barcelos.
Por iso, a Policía Local deseñou un plan de tráfico que xa foi repartido entre os empresarios do barrio e que foi "buzoneado" a domicilio para que todos os veciños coñezan os cambios que se aplicarán durante as obras.
Como norma xeral, prohibirase circular pola zona que estea en obras. Só haberá excepcións para residentes, vehículos de emerxencia ou servizos de carga e descarga.
A reforma realizarase en dúas fases. A primeira será entre Sagasta e Branco Porto, que obrigará a investir o sentido de circulación en tres rúas: Sagasta, Javier Puig e José Millán.
Así, en Sagasta poderase circular de Cruz Gallástegui a Benito Corbal, para facilitar o paso ata Barcelos; mentres que Javier Puig quedará de subida desde San Antoniño para dar acceso a Blanco Porto e José Millán recuperará o seu sentido de baixada cara San Antoniño para dar saída ao tráfico que chega por Cobián Areal.
A continuación executarase a reforma entre Blanco Porto e Cobián Areal. Nese momento recuperarase o sentido das rúas que se cambiaron e reabrirase o tráfico o Lepanto, á que só poderán acceder os residentes durante a primeira fase.
Con respecto á reforma prevista en Lepanto, desde o Concello aseguran que a Policía Local pediu non compaxinala con Benito Corbal, xa que complicará a circulación na zona. "Imos facerlles caso", explica o goberno municipal.
CORTES EN MONTE PORREIRO
Ademais, desde o luns 14 tamén haberá cortes de tráfico en Monte Porreiro. Serán consecuencia dos traballos de asfaltado das rúas que se levantaron para soterrar a liña eléctrica de alta tensión. O plan de tráfico xa foi comunicado aos veciños e haberá unha "especial vixilancia" por parte da Policía Local.
As obras comezarán na zona de aparcadoiro da rúa Portugal. Ao día seguinte, o martes 15, asfaltarase a rúa e cortarase ao tráfico, investindo o sentido na rúa Francia. O mércores será a quenda dos Campos. Non se pechará o tráfico pero recoméndase non circular pola zona, porque o paso será alternativo.
Para o final, o xoves 17, quedará o asfaltado da Rúa da Pomba, polo que se cortará o acceso cara á avenida de Lugo. Ese día poderase facer, de maneira excepcional, o xiro á esquerda no semáforo desde Santa Margarida.
Relacionadas:
-
Comeza a reforma do segundo treito de Benito Corbal con cambios de tráfico
Por Redacción |
-
Benito Corbal, pechada por obras
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Adxudican por 183.401 euros as obras para a reforma integral da rúa Lepanto
Por Natalia Puga |
-
As obras de Benito Corbal atrásanse para evitar o Nadal e o inicio das rebaixas
Por Alejandro Espiño |
-
Benito Corbal estará completamente reformada nun prazo de catro meses
Por Alejandro Espiño |