Esixen o cumprimento da sentenza que obriga a anular o polígono industrial proxectado no Monte Pituco
Por Redacción
A Asociación Monte Pituco vén de esixirlle ao Goberno municipal de Marín que cumpra de inmediato a sentenza firme e irrevogable do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordeando a anulación do polígono industrial proxectado nese emprazamento. Esta medida coincide precisamente coa posta en coñecemento do Pleno celebrado esta semana dese dictame xudicial, que xa se remonta ao 23 de novembro de 2017.
O colectivo veciñal tenlle formulado esta reclamación á Administración local en varias ocasións dende que en xaneiro de 2018 a resolución se fixo inapelable.
Agora, coa posta en coñecemento da sentenza a toda a Corporación, a Asociación Monte Pituco sostén que o Goberno local non ten excusa para demorar por máis tempo as xestións oportunas que revoquen a clasificación do Monte Pituco -ou Pornedo, polo seu topónimo tradicional- como solo urbanizable delimitado de uso industrial.
Por iso, a asociación urxe a convocatoria da Comisión de Urbanismo para acometer a modificación puntual do PXOM. Para o colectivo en defensa do Monte Pituco, este é "un asunto de tanto calado como a planificación das dotacións de uso empresarial e industrial cómpre regularizalo sen dilación, axustándose ás normativas". Ademais, esta entidade pide que as medidas administrativas que haxa que tomar non se apracen ata o seguinte mandato, senón que a tramitación se inicie antes das vindeiras eleccións municipais de maio.
Por dignidade e por dereito "gañado con esforzo e determinación ante os tribunais", a Asociación Monte Pituco vai reiterarlle periodicamente ao Concello o cumprimento da sentenza, acompañando simbolicamente cada petición cunha goma de borrar "para recordarlles aos responsables municipais a súa obriga inexcusable de suprimir a clasificación do Pituco como solo industrial".
Asimesmo, o colectivo veciñal trasladaralle o mesmo requerimento á Xunta, en tanto outra sentenza do TSXG de maio de 2017 -firme dende setembro dese mesmo ano- imponlle ao Goberno galego a retirada do parque industrial Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, que fora incluído a petición do Goberno local co apoio de varias entidades particulares, sendo todos desacreditados nas súas pretensións.
Ademais, a Asociación Monte Pituco insta os integrantes das candidaturas ás próximas eleccións municipais a "actuar con responsabilidade respectando e acatando rigorosamente os termos dos dictames xudiciais favorables á protección do 'balcón da ría' e desistindo definitivamente de considerar esta zona nas súas previsións de hipotéticas infraestruturas", que volverían contar co rexeitamento e coa acción combativa desta organización.
Relacionadas:
-
Piden ao Concello de Marín a retirada de verteduras ilegais que proliferan no Monte Pituco
Por Redacción |
-
Catro colectivos rexeitan a corta "abusiva" de árbores no Monte Pornedo
Por Redacción |
-
Onde haxa un bo sofá, que se quiten os bancos para ver a ría
Por Redacción |
-
O certame fotográfico O Balcón da Ría amosa as imaxes que fomentan a visita ao Monte Pituco
Por Redacción |
-
Denuncian ante o Seprona media ducia de verteduras no monte Pituco nos últimos meses
Por Redacción |
-
O TSXG anula a clasificación do Monte Pituco como chan industrial no Plan Xeral de Marín
Por Oskar Viéitez |