Ferido un ciclista despois dun posible atropelo en Vilagarcía de Arousa
Por Oskar Viéitez
Un ciclista resultou ferido a pasada noite en Vilagarcía de Arousa tras un posible atropelo. O accidente produciuse no lugar da Bouza, na parroquia de Santa Eulalia de Arealonga.
Segundo informou oficialmente o 112 Galicia, poucos minutos despois das 23:00 horas da noite do xoves, varias persoas particulares chamaron a esta central de emerxencias para informar dos feitos. Indicaban que o home estaba tendido na estrada inconsciente e respirando con dificultade, na PO-305, na altura do punto quilométrico 5.
De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia estableceuse comunicación co 061-Urxencias Sanitarias.
Finalmente, os servizos sanitarios trasladaron á persoa ferida ata o centro hospitalario de referencia.