O goberno local de Poio nega que exerza unha alta presión fiscal e acusa a Moldes de enganar á veciñanza
Por Anxo Lourido
"Os abrazos sempre son bós", comezou ironizando o alcalde de Poio Luciano Sobral na súa comparecencia deste xoves no Concello para lamentar a convocatoria do Partido Popular para o domingo 20 de xaneiro dun acto de protesta rodeando o edificio municipal coa intención de facer visible, segundo o portavoz Ángel Moldes, o "descontento porque os poienses pagan máis por servizos e infraestruturas moi inferiores ao resto dos veciños da provincia".
Sobral, acompañado da tenente de alcaldía Chelo Besada e dos concelleiros Xulio Barreiro e Gregorio Agís, manifestou que o motivo desta convocatoria popular era inxustificado porque o Concello de Poio atópase en metade da táboa de Concellos galegos de entre 10.000 e 20.000 habitantes en relación á presión fiscal.
Nesta liña expresábase ao afirmar que a suba do IBI adoptada polo goberno central de Mariano Rajoy establecéndoo no 0,50%, en Poio situouse nun 0,47%. Neste sentido a tenente de alcalde, ao igual que o resto de representantes do goberno local, amosábanse sorprendida pola campaña que emprendeu Ángel Moldes con este tema. A portavoz socialista afirmou tamén que, polo contrario, o representante do PP no lanzou críticas aos proxectos enquistados "que non se fan porque a Xunta non quere" e relatou o caso das melloras do Porto de Covelo, de Raxó, a depuradora, o polígono de Fraga Moreira ou o Centro de Saúde. E apuntou que Moldes está "sempre mentindo e enganando os veciños de Poio".
Tamén o concelleiro de Facenda Xulio Barreio insistiu en afirmar que o portavoz popular minte ao trasladar os datos da presión fiscal do Concello e invitou a consultar os webs do Ministerio de Facenda, do Catastro e do Consello de Contas para comprobar que Poio é o municipio que ocupa o posto 14 en canto a poboación na provincia e, en cambio, aparece no posto 29 en canto ao IBI que se aplica, que é do 0,47%, situándose por debaixo da media. Neste sentido, indicou que a media de pago deste imposto en Poio é de 178,90 euros por habitante ao ano mentres que a media de Galicia se sitúa en 187,79 euros, mentres que Concellos como en Sanxenxo págase 395 euros.
Lembrou que as subas de taxas no municipio durante esta década realizáronse en 2010 e en 2013, de forma que Poio leva seis anos coa carga fiscal conxelada. Pero ademais fixo referencia a que unha parte importante dos impostos que recada o Concello son para a Xunta de Galicia sen que despois repercutan nos veciños. Barreiro utilizou como exemplo os 600.000 euros anuais que se cobran polo canon de saneamento cando a administración autonómica só investiu 300.000 euros en Poio. O concelleiro nacionalista retou o portavoz do PP a un debate serio sobre datos económicos e reiterou que Ángel Moldes miente empregando "verborrea de taberna" ao esquecer que o Concello reduciu a débeda en máis de 3 millóns de euros nos últimos seis anos.
Gregorio Agís, concelleiro responsable de Urbanismo, lembrou expresións como "panfletarios" ou "irresponsables" coas que dirixentes do Partido Popular cualificaron unha acción similar á de Moldes organizada polo colectivo Plataforma ¡En pie! para rodear o Congreso dos Deputados en 2012. O concelleiro socialista preguntábase tamén onde estaban os investimentos da Xunta de Galicia en Poio e amosaba a súa preocupación polas ecuacións imposibles que propón o PP local ao pedir que se baixen impostos e se fagan obras. "É un discurso falaz", afirmaba Agís que lle pide a Moldes "un mínimo de ética e de autocrítica".
Luciano Sobral sinalou que estas accións por parte do PP responden ao estado de nerviosismo en que se atopa a agrupación que encabeza Moldes, ao carecer de alternativas e realizar unha política de oposición baseada en argumentos falsos.
Relacionadas:
-
Poio actualiza os valores catastrais para "evitar subas acumuladas nos vindeiros anos"
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- O PP de Poio cualifica de "éxito indiscutible" a participación no acto 'Rodea o Concello'
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A protesta 'Rodea o Concello' do PP de Poio, aprazada por loito
Por Redacción |
-
O PP acusa o alcalde de Poio de insultar aos veciños cando di que se pagan poucos impostos
Por Redacción |
-
O Partido Popular convoca un acto de protesta cidadá para "rodear" o Concello de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Poio presenta doce alegacións ao proxecto autonómico para mellorar a seguridade viaria da PO-308
Por Diego Espiño |