Unha persoa acaba no hospital tras unha pelexa entre okupas na rúa Altamira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha persoa tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo este xoves tras unha pelexa rexistrada entre varias persoas que viven de okupas no baixo dunha vivenda abandonada da rúa Altamira, na zona de San Antoniño.
A pelexa produciuse na mañá deste xoves e víronse implicadas varias persoas, aínda que tan só unha resultou ferida. Trátase dun home que nun primeiro momento foi trasladado ás instalacións do albergue de San Vicente de Paul Calor e Café situado na rúa Casimiro Gómez, moi próxima ao lugar dos feitos, pero logo derivado ao Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.
Segundo indicaron as fontes consultadas, presenta feridas de carácter leve na zona da cabeza e nunha orella presuntamente provocadas cunha arma branca, aparentemente unha navalla.
Tras os feitos, foi alertada a Policía Nacional, que agora investiga os feitos. Segundo indicaron fontes policiais, a pelexa produciuse por desavinzas entre as persoas que habitualmente viven no baixo da casa e polo ocorrido hai unha persoa identificada da que non transcendeu a identidade. Non hai previsión de que se produza ningunha detención dado que se trata de feridas leves, pero o caso si será enviado ao Xulgado de Garda.
O habitual é que se repartan as habitacións e os habitantes son bastante estables, pero supostamente este xoves, dada a onda de frío, un deles convidou a un amigo que o necesitaba. Nese momento, por motivos aínda sen determinar, produciuse a pelexa.
A casa, situada no número 32 da rúa Altamira, está abandonada e carece de servizos como a electricidade. Segundo sinalaron os veciños da zona, non é habitual que as persoas que a okupan protagonicen enfrontamentos nin feitos violentos.