O Concello de Ponte Caldelas financia as actividades da ANPA do Instituto de Ensino Secundario
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinou estes días o convenio de colaboración coa ANPA do Instituto de Ensino Secundario, un acordo que permite financiar as actividades extraescolares deste centro ao longo deste curso académico.
A ANPA Valdarrosa recibe unha achega económica de 2.150 euros para a realización do seu programa de actividades.
O Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) mantén este tipo de acordos estables coas ANPA dos colexios de Educación Infantil e Primaria Cordo Boullosa e da Reigosa, así como co Instituto. A contía dos acordos incrementouse substancialmente durante este mandato municipal, ata chegar a case 10.000 euros en total e reforzando a aposta polo Ensino Público.
Ao mesmo tempo, o Concello de Ponte Caldelas financia directamente aos centros escolares para o financiamento de actividades escolares que se realizan dentro do horario lectivo, completando así o abano das axudas. O instituto recibe, nesta liña, outros 900 euros.