VÍDEO.- Un camión ciscalla boa parte da súa carga de atúns nunha rotonda de Carril
Por Redacción
Este mércores producíase unha sorprendente imaxe na rotonda do Salgueiral na estrada entre Bamio e Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa. Un camión que trasladaba atúns pola estrada PO-548 perdía, de forma accidental, unha boa parte da carga que transportaba ao tomar a rotonda.
Ata a zona desprazáronse servizos de emerxencias alertados polo 112 Galicia e axentes da Policía Local. Os encargados da limpeza das estradas foron retirando os numerosos túnidos que se atopaban espallados pola calzada e que provocaron que a circulación de vehículos quedara detida durante uns minutos.
Os condutores aproveitaron para gravar vídeos e fotografar a curiosa imaxe. Non se rexistraron danos persoais e no momento en que se retiraron todos os atúns reanudouse con normalidade o tráfico na zona.