Pedaladas recomenda non usar patinete eléctrico nas rúas de Pontevedra ata que se actualice a ordenanza de mobilidade
Por Redacción
A asociación Pedaladas recomenda non usar patinetes eléctricos nin ningún tipo de vehículo de mobilidade persoal (VMP) na vía pública mentres o Concello de Pontevedra non modifique a Ordenanza de Mobilidade actual, que data de 1989 e non está actualizada e adaptada a este tipo de vehículos.
Pedaladas realiza esta recomendación tras o accidente dun patinete eléctrico rexistrado este martes en Pontevedra, pois en caso dun sinistro, o usuario pode ter consecuencias económicas ou incluso penais aínda sen ser o culpable tan só por usar un vehículo non autorizado para circular na vía pública. Sinala que mesmo dubidan que os seguros de Responsabilidade Civil do fogar se fagan cargo neste tipo de sinistros porque os VMP non están considerados ciclos.
Desde o colectivo indican que os usuarios de patinetes eléctricos e similares están nunha gran inseguridade xurídica e o seu uso pode ter consecuencias penais, pois Pontevedra aínda non ten unha normativa que regule e permita circular nas súas rúas. A actual normativa municipal data do ano 1989, cando non existían estes dispositivos, polo que o marco xurídico estatal é o Regulamento de Circulación e a Lei de Seguridade Viaria que só contempla aos ciclos, bicicletas, ciclomotores, motocicletas, automóbiles, camións e autobuses. Estes novos dispositivos non estarían autorizados a circular por ningún espazo público.
En relación con isto, cabe reseñar que a instrución 16v/124 do 16 de novembro de 2016 da Dirección Xeral de Tráfico insta aos concellos que teñen asumidas as competencias de tráfico a regular estes dispositivos como xa se fixo en localidades como Barcelona, Málaga, Sevilla e Madrid e están xa en proceso Valencia, Zaragoza, Burgos, Bilbao.
Pedaladas mantén que o Concello debe presentar a normativa de forma urxente, pois as novas formas de mobilidade eléctrica e a bicicleta precisan seguridade xurídica. Na súa opinión, non resulta complicado, pois só hai que seguir as recomendacións da DXT e adaptar a normativa local de 1989.
Relacionadas:
-
Tráfico intercepta unha condutora circulando en patinete eléctrico en plena autoestrada
Por Redacción |
-
O PSOE aposta por unha ordenanza de Mobilidade Sostible e Inclusiva para regular a circulación de bicis e patinetes
Por Redacción |
-
Multan con 1.000 euros un pontevedrés que ía borracho sobre un patinete eléctrico
Por Redacción |
-
O PSOE pide retomar de forma urxente o debate sobre a ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Pontevedra non ve "ningunha posibilidade" de autorizar os patinetes polas beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
Ferida a condutora dun patinete eléctrico ao chocar contra un turismo
Por Oskar Viéitez |