A Garda Civil investiga a estafa a un veciño de Meaño coa venda dun coche por Internet
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga penalmente en Madrid a un home de 39 anos acusado de estafar a un veciño de Meaño coa venda dun coche por Internet.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, o pasado mes de outubro un veciño da localidade pontevedresa de Meaño denunciou no Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo que comprara a través de Internet un vehículo antigo que se ofrecía para pezas a través das redes sociais. Tratábase dun Porsche, modelo 944-S, que aínda non recibiu despois de pagar, mediante xiros postais, o total do importe da venda que ascenda a 2.600 euros.
A pesar de que o vendedor se anunciaba como propietario do vehículo, a Garda Civil de Sanxenxo puido comprobar que o coche estaba a nome dun veciño de Vigo, que hai varios anos entregárao nun concesionario de compra venda de coches, onde o puido adquirir a persoa que o ofertaba a través de Internet.
As investigacións levadas a cabo no marco da denominada operación "Tarilonte", permitiron á Garda Civil de Sanxenxo localizar ao presunto autor na localidade de Villaviciosa de Odón na provincia de Madrid, onde foi notificado da súa condición de investigado como suposto autor dun delito de estafa.
Trátase dunha persoa cun amplo historial delituoso de estafas pola venda de vehículos e as súas pezas, que ofrece a través das redes sociais a prezos moi inferiores ao mercado. Para gañarse a confianza dos potenciais clientes facilitaba o seu anterior domicilio nunha localidade de Palencia, pero o certo é que non ten unha residencia fixa para evitar ser localizado.
As dilixencias instruídas entregáronse nos Xulgados de Instrución de Cambados e Móstoles (Madrid).
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O 'donjuán' de Marín, detido en Madrid tras meses fuxido da Xustiza
Por Natalia Puga |
-
As autoridades, preocupadas polo incremento en Pontevedra das estafas pola Internet
Por Redacción |
-
Investigan a denuncia dunha pontevedresa á que un amigo por Internet estafou 11.000 euros
Por Natalia Puga |
-
Finxe ser unha rapaza de Tailandia para estafar 36.000 euros a un pontevedrés
Por Alejandro Espiño |