Emilio González é pontevedrés pero a súa profesión e oferta laboral levoulle fai dez anos a Barcelona. É un dos tres canteiros que acualmente traballan na construción e restauración da basílica da Sagrada Familia. Non había unha tradición familiar para esta vocación, pero gustábanlle as manualidades e chegado o momento matriculouse na Escola de Cantería de Poio. Rematada a súa formación comezou a traballar nun serradoiro, logo como autónomo e posteriormente escollérono polo seu currículo para o labor na obra de Gaudí.
No Cara a cara que mantén con Anxo Lourido explica que o seu lugar de traballo "é coma un mini mundo. É un centro de profesionais: carpinteiros, ferreiros, albaneis, fontaneiros... Nós facemos renovación, restauración, colocación, retoques, texturas, a oitenta, trinta ou vinte metros de altura; onde haxa que facer un retoque de pedra alí estamos os canteiros galegos". E é que son tres, todos saídos da Escola de Cantería de Poio, "cando entramos había doutros lugares de España e de Francia, pero agora estamos estes tres".
Emilio non é alleo ás reivindicacións e campaña que os seus compañeiros da Escola están a realizar para conseguir un título homologado. Unha máxima que comparte e reitera "queremos que a Escola sexa a máis punteira do mundo, e para iso están a pelexar pola homologación". Lamenta esta carencia, que supón non só dificultades para acceder ao mercado laboral, senón mesmo carencias de cobertura profesional ante posibiles contigencias como xa se deu algún caso.
Durante a charla que mantén en PontevedraViva Radio, Emilio González fala tamén de interesantes e curiosos detalles da restauración da Sagrada Familia; e mesmo do tratamento e uso que estes galegos están a facer e anímanlles a facer da súa lingua natal en Cataluña. Mirando ao futuro, Emilio fala de morriña e do desexo de continuar exercendo a súa profesión desde a súa terra.