As mariscadoras de Lourizán e a ONGD Solidaridad Internacional súmanse como candidatas aos Cidade de Pontevedra
Por Redacción
O xurado dos premios Cidade de Pontevedra reunirase o vindeiro luns 14 de xaneiro para decidir para quen van ir os galardóns na edición deste ano. Terán que elixir entre seis candidaturas, tres en cada unha das categorías despois de que nas últimas horas de prazo xurdiran dúas novas propostas: as mariscadoras de Lourizán e Solidaridad Internacional. Tamén se poderán propoñer outras na propia reunión.
O Concello de Pontevedra xa pechou o prazo para presentar candidaturas e as propostas que están sobre a mesa son, na categoría de persoas físicas, Carmen Aveledo, Francisco Barbeito e Manuel Barreiro Cabanelas. En persoa xurídica son tamén tres as propostas o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, as mariscadoras de Lourizán e a ONGD Solidaridad Internacional.
Unha das candidaturas presentadas deixa certas dúbidas sobre a súa adaptación ás bases da convocatoria. Trátase da de Manuel Barreiro Cabanelas (1896-1950), filántropo do Hospital Provincial e empresario, pois é unha persoa xa falecida.
A candidatura da enfermeira Carmen Abeledo presentárona os traballadores do centro de saúde da Parda, onde traballa. O nome de Francisco Barbeito, fundador de Cristalería Pontevedresa, deuno a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) e o de Manuel Barreiro Cabanelas parte da Asociación de Veciños de Laxedo, de A Lama.
O CRE da ONCE foi proposto pola Asociación Síndrome de Down 'Xuntos'. As mariscadoras de Lourizán, pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR). Solidaridad Internacional, polos Comerciantes das Galerías.
A APDR emitiu un comunicado explicando que presentaron a súa candidatura de forma excepcional por se tratar do 60 aniversario dunha loita que ao seu entender é merecente do recoñecemento do Concello de Pontevedra e do conxunto da cidadanía da comarca e que propoñen, en concreto, que se premie ás mariscadoras de Lourizán que loitaron de forma continuada -e por todas as vías ao seu alcance- contra a realización dos recheos na Ría e a instalación da fábrica de ENCE.
"Trátase dunha loita que reúne méritos abondo para seren recoñecida con tan prezado galardón", argumentan. Segundo explican, gustaríalles personalizar o premio nas 14 mariscadoras que acabaron na cadea polas súas protestas, aínda que entenden que calquera das mariscadoras que participaron naquela loita e que aínda viven "serían dignas representantes do colectivo á hora de recoller o premio".
Relacionadas:
-
Lourizán, Vilaboa e O Grove poñen a voz feminina ás confrarías galegas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O empresario Francisco Barbeito e o centro da ONCE, premios Cidade de Pontevedra 2018
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Francisco Barbeito, Carmen Abeledo e o CRE da ONCE, candidatos aos Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Últimos días para presentar propostas aos Cidade de Pontevedra, co CRE da ONCE como único candidato
Por Redacción |