"Pinto e Maragota", un programa municipal para unha Pontevedra sexualmente diversa
Por Alejandro Espiño
Un programa para mostrar unha Pontevedra "tolerante, respectuosa e acolledora" coa diversidade sexual. Con ese espírito nace a iniciativa "Pinto e Maragota", que foi presentada este martes pola concelleira de Igualdade, Carmen Fouces.
Con este programa, o Concello busca "favorecer" a vida en igualdade de condicións aos membros do colectivo LGTBIQ+, respectando a súa diversidade sexual e de xénero, creando políticas municipais para defender os seus dereitos e reivindicando a súa visibilidade.
Fouces sinalou que o obxectivo é "promover a empatía" de todos os pontevedreses cara a este colectivo, de forma que "todos nos mesturemos" e convivamos "de xeito normalizado".
Para iso, engadiu, traballarase de maneira "seria, profunda e organizada" e cunha perspectiva feminista, xa que segundo a edil de Igualdade este movemento "non se entende sen a diversidade" de raza, de xénero ou de sexo.
Así, "Pinto e Maragota" impulsará actividades durante todo o ano para sensibilizar á sociedade e combater a "fobia" contra as persoas con diversidade sexual ou atender á poboación LGTBIQ+ e as súas familias.
A primeira delas será unha xornada sobre diversidade sexual que se celebrará o vindeiro sábado 19 de xaneiro, a partir das dez da mañá, no Pazo da Cultura. Nela participarán, entre outros, a sexóloga Martina González Veiga; ou a presidenta do colectivo Arelas, Cristina Palacios; e presentaranse varios libros de temática LGTBIQ+.
Este programa incluirá nos próximos meses exposicións fotográficas, intervencións artísticas, debates e charlas, clubs de lectura, obradoiros, roteiros pola cidade, obras de teatro ou presentacións de libros, tanto na cidade como no ámbito rural.
Ademais, tamén haberá atención baixo demanda a persoas con diversidade sexual e as súas familias no Centro de Información á Muller (CIM) da rúa Santa Clara ou apoio na formación dos policías locais para atender ás necesidades deste colectivo.
Carmen Fouces explicou que o nome deste programa, "Pinto e Maragota", foi elixido porque son a "mesma especie" de peixe que, nos seus primeiros anos, actúan como femia e na súa idade adulta transfórmanse en machos e "coidan a prole".
Isto demostra, segundo a concelleira do BNG, que a diversidade sexual "está na natureza e ten que ver cos seres vivos" e tan só "hai que buscala" para atopala.
Relacionadas:
-
Pinto e Maragota desembarca este sábado en Pontevedra con vermús pola diversidade sexual
Por Manu Otero |
-
Pontevedra impulsa un ciclo de cine e conferencias para visibilizar a diversidade sexual
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Unhas Conversas na Ferrería entre 'Pinto e Maragota'
Por Marisa Ciordia |
-
VÍDEO.- Sorrisos transformadores desde a Deputación para un colectivo discriminado
Por Redacción |
-
Unha 'orgullosa' romaría no Gafos para reivindicar a diversidade sexual
Por Redacción & Diego Torrado |