O sindicato CEP forma os policías en resolución de conflictos a través da mediación psicolóxica
Por Redacción
Ler a situación, saber como enfrontala e reconducir situacións que moitas veces parecen graves de tal forma que acaban sendo leves. Facelo non sempre é doado na vida cotiá e complícase cando estamos a falar dunha actuación policial. A Confederación Española de Policía (CEP) en Pontevedra comezou este xoves unhas xornadas formativas enfocadas a asesorar os axentes das Forzas de Seguridade sobre como actuar ante estes escenarios críticos para a seguridade ciudana.
"A maioría das intervencións policiais resólvense cunha boa mediación", indicou o secretario provincial de CEP, Álvaro Novegil, tras asistir ás primeiras horas das II Xornadas sobre Seguridade Cidadá e Actuacións Policiais Preventivas que se celebran nas instalacións do Liceo Casino de Pontevedra ata este venres.
Novegil explicou que a xornada ten dous apartados fundamentais. O primeiro está enfocado fundamentalmente a resolver situacións cotidianas que os axentes se encontran estando de servizo e que "moitas veces se resolven chegando a unha mediación ou usando métodos ou aspectos psicolóxicos". O segundo é máis técnico-xurídico e está dirixido a actualizar coñecementos sobre a Lei de Seguridade Cidadá.
Fomentar a preparación dos axentes en ambos os dous apartados "redunda no beneficio dos cidadáns", de aí que a pesar de que a CEP é un sindicato da Policía Nacional, decidise abrir a xornada formativa tamén a funcionarios da Garda Civil e a Policía Nacional. Acudiron na primeira sesión unha vintena de axentes e está previsto que durante os dous días da actividade asistan uns 80 alumnos.
O secretario provincial do sindicato asegura que Pontevedra é "unha cidade relativamente tranquila" salvo "pequenos repuntes" en determinados feitos delituosos. Sostén que xornadas formativas como esta axudan a manter esta tendencia. "Non é unha cidade problemática", pero os axentes si se encontran situacións nas que ter coñecementos de mediación psicolóxica axudan a unha solución menos lesiva. Os principais son "mediación en discusións, problemas familiares ou xente baixo a influencia do alcohol ou dos psicotrópicos que molestan ao resto dos cidadáns".
Este xoves a especialista Margarita Hortas impartiu unha formación sobre os aspectos psicolóxicos das distintas situacións policiais, o traballo en equipo e a resolución de conflitos. Durante a mañá deste xoves a sesión correrá a cargo de Miguel Lorenzo, que ofrecerá unha ampla análise sobre as novidades xurisprudenciais da vixente Lei de Seguridade Cidadá. Ambos os dous relatores desenvolven labores directivos na Administración Xeral do Estado e gozan dun recoñecido prestixio no ámbito da súa especialidade.