Advirten por carta a Feijóo que a atención sanitaria do Grove está próxima ao caos e o colapso
Por Redacción
O alcalde e o concelleiro de Sanidade do Grove, José Antonio Cacabelos e Francisco Javier Caneda Vidal, acaban de remitir unha carta á Xunta de Galicia para trasladarlle o "malestar crecente" e as protestas cada vez máis frecuentes da veciñanza do Grove polas demoras nas consultas no centro de saúde da vila.
A carta está dirixida ao presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade, Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez Almuiña, e explica que na actualidade o centro de saúde ten dous médicos de baixa e as súas ausencias non están a ser cubertas na súa totalidade e que se prevé que a situación se vai a agravar nos próximos días, xa que outros dous médicos xubilaranse neste mesmo mes de xaneiro.
As consultas, dependendo da cota, xa neste momento teñen esperas de entre sete e quince días e, na súa opinión, coas baixas e as xubilacións o problema vai empeorar, pois os médicos que continúan coa súa actividade non dan para máis e estamos nunha época do ano na que adoita darse un pico epidémico da gripe.
Á vista desta situación, auguran que se non se adoptan medidas con urxencia e non se substitúen completamente as baixas, a situación de descontento e protestas tornaranse nunha situación de caos e colapso da atención primaria do Grove. "A veciñanza do Grove non quere desculpas nin medias verdades, quere solucións", reclaman.
A carta, ademais, detalle que desde hai uns anos, progresivamente, os enfermos comezaron a ter que esperar cada vez máis días para ter unha consulta co seu médico de familia. Esta situación agrávase máis aínda nos períodos vacacionais ou, como é o caso, cando un ou varios médicos están de baixa, xa que a maioría das veces estas ausencias non se substitúen ou só se substitúen parcialmente. Neses casos a atención dos pacientes fana os profesionais que seguen traballando.
A consecuencia é que as consultas de mañá están saturadas, nalgúns casos con máis de cincuenta enfermos por día (o cal implica que o tempo para atendelos sexa totalmente inadecuado por escaso) e con lista de espera, e que as consultas do PAC están a se usar para atender patoloxías non urxentes e con pacientes molestos porque alí non atopan moitas veces a solución que buscaban
En opinión do goberno local do Grove, chegouse a esta situación pola mala xestión e a falta de previsión da Xunta, da Consellería de Sanidade e dos seus xerentes en relación coa cantidade de médicos que sería necesario formar, pero tamén pola reestruturación do modelo sanitario en EOXI, que primaron a atención hospitalaria ignorando a atención primaria. Os recortes e o incumprimento do que se pacta cos traballadores tamén están detrás desta situación, segundo a carta recentemente remitida.