O Partido Popular convoca un acto de protesta cidadá para "rodear" o Concello de Poio
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular presentou este luns o acto público de protesta cidadá "Rodea o Concello de Poio" que terá lugar o domingo 20 de xaneiro a partir da unha da tarde.
Os populares fixeron un chamamento para formar unha cadea humana ao redor da casa consistorial de Poio, un Concello gobernado polo BNG e o Partido Socialista.
O portavoz municipal e deputado provincial do PP, Ángel Moldes, sinalou que "pretendemos que este acto sexa totalmente pacífico" e para poder levalo a cabo "solicitamos todos os permisos pertinentes", polo que tratou de marcar distancias con outras convocatorias similares apuntando que "non buscamos, como ocorreu con Rodea o Congreso ou outras institucións, xerar crispación ou algunha problemática ou que se produzan cargas policiais".
Neste sentido, lembrou que a mobilización se desenvolverá en domingo "un día que non ten actividade no Concello" para así "non interromper a funcionarios nin nada".
Moldes apuntou que desexa que este acto sexa "construtivo e festivo" e animou a "que veñan as familias, con maiores e pequenos".
O obxectivo de "Rodea o Concello de Poio" é expresar o malestar que, segundo asegurou, existe entre os veciños "con todos os impostos" polo que se demandará unha baixada do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e protestarase porque "temos a taxa de vao máis cara da provincia de Pontevedra coa excepción dunha rúa céntrica en Vigo".
Ademais engadiu que os veciños de Poio "pagamos a auga máis cara que Pontevedra, Marín e Sanxenxo e vén do mesmo sitio", e que é o municipio "que paga a factura do lixo máis alto de toda Galicia".
Ángel Moldes definiu esta convocatoria como "un resumo de todas as reivindicacións" que expuxo o PP durante este mandato, sendo a principal unha "baixada responsable dos impostos".
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O PP de Poio cualifica de "éxito indiscutible" a participación no acto 'Rodea o Concello'
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A protesta 'Rodea o Concello' do PP de Poio, aprazada por loito
Por Redacción |
-
O PP acusa o alcalde de Poio de insultar aos veciños cando di que se pagan poucos impostos
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio nega que exerza unha alta presión fiscal e acusa a Moldes de enganar á veciñanza
Por Anxo Lourido |