As empresas de telefonía ocupan 50.000 metros cadrados de espazo público
Por Alejandro Espiño
A nova ordenanza fiscal de telefonía xa está lista. O próximo pleno da corporación municipal aprobará o tributo que, a partir de agora, deberán pagar as empresas que operan en Pontevedra pola utilización que fan do dominio público.
Os técnicos municipais estiman que estas compañías, coas súas antenas fixas, microceldas, redes ou cableado, ocupan uns 50.000 metros cadrados de espazo público. As afectadas, principalmente, son dúas empresas: Movistar e R.
A nova taxa regulará a coñecida como utilización privativa e os aproveitamentos especiais no chan, subsolo e voo da vía pública a favor de empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil.
Terán que pagala de maneira trimestral todas as compañías telefónicas que prestan servizo na cidade, aínda que aquelas que teñan menos de 5.500 liñas de prepago ou contrato gozarán dunha bonificación do 70%.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, sinala que o Concello prevé recadar 176.162 euros ao ano por este novo tributo, que xa se aplica en cidades como Madrid ou Vigo e cuxa normativa se adaptou ás características de Pontevedra.
Tras a súa aprobación en pleno, se non se presentan alegacións no período de exposición pública a taxa xa entrará en vigor automaticamente.