Sanxenxo adhírese á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez mantivo este luns unha reunión co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, na que abordaron a adhesión de Sanxenxo á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu), que quedou formalizada coa sinatura do correspondente convenio por parte da conselleira e o rexedor.
En virtude do convenio asinado este luns e que entrará en vigor tras a súa publicación no DOG, a APLU asumirá os traballos de inspección, supervisión e restablecemento da legalidade urbanística establecidos na Lei do Solo de Galicia en relación coas obras e usos que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.
PANADEIRA
A conselleira visitou este luns as obras que se están a executar no parque da Panadeira.Trátase, concretamente, dun proxecto para a humanización e remodelación integral do parque da Panadeira, cun custo de 457.836 euros dos cales a Xunta achegará case o 80% (366.268 euros).
Segundo explicou, os traballos foron adxudicados en outubro e a previsión é que neste primeiro trimestre os veciños xa poidan dispoñer dun parque renovado e cunha situación privilexiada, xa que se atopa nunha zona moi concorrida do concello, localizada entre as praias urbanas de Panadeira e Lavapanos.