Un 30% dos mozos pontevedreses non comen pan
Por Oskar Viéitez
O consumo medio diario de pan en Galicia sitúase arredor dos 80 gramos por persoa. As provincias de Lugo e da Coruña son as que rexistran un maior consumo de pan, seguidas de Ourense.
A realidade de Pontevedra é diferente, xa que ademais de ser a provincia galega na que se consume menos pan, as enquisas realizadas na nosa provincia revelan que preto dun 30% da poboación moza non come pan. Esta porcentaxe duplica á contabilizada entre a mocidade de Lugo e da Coruña.
Estas son algunhas das conclusións que se desprenden da investigación realizada polo graduado en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do campus de Lugo Jesús Fernández Cruces no marco do seu Traballo de Fin Grao.
Este estudo vén de ser galardoado na primeira edición dos premios outorgados pola Cátedra do Pan e do Cereal da USC, promovida polo grupo Dacunha en colaboración coa institución académica compostelá.
A maior parte da poboación consultada afirma comer pan branco, pero os consumidores máis novos amosan cada vez máis interese naqueles produtos diferenciados pola proximidade da orixe das materias primas e sobre todo polas fariñas integrais, afirma este graduado en Nutrición Humana e Dietética.
A poboación de máis idade non é a máis esixente á hora de demandar produtos diferenciados, xa que na súa maioría decántase por pans brancos e brandos.