Pistoletazo de saída á terceira edición do coworking de Barro
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou unha nova edición do Coworking de Barro, o programa de emprendemento froito da colaboración entre a administración provincial e a Escola de Organización Industrial, no que nos dous anos anteriores completaron a formación un total de 35 proxectos, dos cales 20 estiveron liderados por mulleres.
Esta nova edición, a terceira das catro previstas, comezará o vindeiro 5 de febreiro e alongarase ata o 27 de xuño.
Trátase dun proxecto dirixido ás persoas emprendedoras que teñan un proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente. O prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de xaneiro e tras o éxitos das dúas anteriores edicións esperan contar con 20 proxectos.
A través desta iniciativa, que conta cun orzamento de 800.000 euros, a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen destes espazos de coworking, nun período de cinco meses, identificando as propostas con máis potencial de crecemento buscando que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.
As persoas que participen nesta nova edición terán acceso a 100 horas de formación, repartidas en 45 horas de talleres formativos, 15 horas de dinámicas grupais, 20 horas de titorías individualizadas coa persoa mentora do proxecto, 10 horas de mentoría experta e 10 horas de soporte e seguimento do proxecto. Como as dúas anteriores edicións, o programa rematará co "DemoDay" na que as e os participantes presentarán individualmente os seus proxectos.
Tamén poderán acceder a outros servizos coma o FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital, onde se dispón dun completo equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, entre outros) e no que se desenvolveu unha intensa programación de talleres específicos para coñecer esta tecnoloxía.
Relacionadas:
-
20 proxectos empresariais participan na terceira edición do Coworking de Barro
Por Redacción |
-
Barro destinará 111.000 euros a contratar dez traballadores en 2019
Por Redacción |
-
O 66% das iniciativas postas en marcha no coworking de Barro, lideradas por mulleres
Por Redacción |
-
Aposta por mulleres emprendedoras en Barro
Por Redacción |
-
Vinte proxectos emprendedores participarán na segunda edición do coworking de Barro
Por Redacción |