Pedaladas cre que a Ordenanza de Mobilidade de Pontevedra non se aprobará neste mandato
Por Oskar Viéitez
A asociación ciclista Pedaladas insta ao Concello de Pontevedra a presentar xa o borrador da Ordenanza de Mobilidade e a abrir o proceso de participación como obriga a lexislación vixente. Sinalan que este paso é "imprescindible" para poder aprobala dentro deste mandato.
Este colectivo lembra que a maioría das capitais de provincia teñen ordenanzas con menos de dez anos e aínda así están a facer modificacións de urxencia para facilitar o uso da bicicleta, regular os dispositivos de mobilidade eléctrica e garantir a seguridade das persoas nas áreas de preferencia peonil.
A actual ordenanza de Pontevedra é do ano 1989 e "ten infinidade de eivas e non encaixa cunha cidade que busca desenvolver unha estratexia de mobilidade sustentable non baseada no vehículo motorizado particular", indican.
Ante a falta de avances os membros de Pedaladas cren que "o concello presumiblemente está a evitar a modernización da Ordenanza de Mobilidade" para non aprobala neste mandato.
Engaden que con esta decisión o Goberno local do BNG "está a ocasionar un atraso inxustificado e danando os intereses dos veciños en contar cunha mobilidade máis sustentable e saudable".
"Pedimos ao Concello que rectifique", e que presente o borrador de Ordenanza "de inmediato" e que "adopte as solucións aprobadas en ámbito nacional e internacional" na regulación de bicicletas, patinetes eléctricos e outros dispositivos, nas medidas de acougado de tráfico "e que facilite a infraestrutura ciclista necesaria que faga o seu uso posible", remata Pedaladas.
Relacionadas:
-
O PSOE aposta por unha ordenanza de Mobilidade Sostible e Inclusiva para regular a circulación de bicis e patinetes
Por Redacción |
-
Pedaladas reivindica a importancia do carril bici cunha 'bicifestación'
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Pedaladas convoca unha 'bicifestación' para preguntarlle a Pontevedra "que pasa coa bici"
Por Alejandro Espiño |
-
Os técnicos de emerxencias piden un novo estudo de mobilidade falando cos colectivos afectados
Por Redacción |
-
Pedaladas quéixase de que o informe de mobilidade non ofrece facilidades para os ciclistas
Por Redacción |
-
O estudo encargado polo Concello propón 'zona 10' para coches e bicis en rúas de plataforma única
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello confía en ter un borrador da ordenanza de mobilidade en setembro
Por Redacción |