O PP propón destinar ao saneamento das parroquias os cartos previstos para o río Gafos
Por Redacción
O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, reclamará formalmente ao alcalde de Pontevedra celeridade para resolver o destino do excedente económico derivado da decisión da Xunta de Galicia de paralizar a execución do saneamento no río dos Gafos.
O caso deriva do convenio asinado no ano 2010 para instalación da rede de sumidoiros no rural. Para o saneamento no río dos Gafos íase destinar un millón de euros e a Consellería de Medio Ambiente licitou e adxudicou o proxecto elaborado polo Concello, pero, segundo di o PP, "no momento de iniciarse os traballos descubríronse defectos nese proxecto".
A Xunta decidiu entón, segundo anunciou Augas de Galicia, rescindir o contrato e encargar un estudo de caudais na rede de saneamento do leito dos Gafos. Esta análise resolveu que a solución pasa, por unha banda, por reducir a entrada de pluviais e infiltracións, e en segundo lugar, por ampliar a capacidade hidráulica da rede, "o que implicaría unha ampliación da actual Estación Depuradora dos Praceres hoxe completamente inviable", apunta Moreira.
"A actuación suporía polo tanto tirar un millón de euros ao lixo", di o voceiro popular. Por iso sinala que "ratificado, como non podía ser doutro xeito, o compromiso da Consellería para completar o investimento previsto, queda decidir o destino deses cartos". Augas de Galicia propón realizar un estudo a fondo de toda o sistema de sumidoiros e executar operacións de eliminación de pluviais concretas no leito do río dos Gafos.
Moreira deixou como alternativa a redacción por parte do Concello doutros proxectos de obras de saneamento en parroquias de Pontevedra historicamente demandados polos veciños do rural. En todo caso, o voceiro do PP entende que é o equipo de Miguel Anxo Fernández Lores quen "ten que mover ficha con toda celeridade para resolver a cuestión".
Relacionadas:
-
Moreira recorre ao Parlamento para "desvelar o verdadeiro estado do río dos Gafos"
Por Redacción |
-
O Concello insístelle a Augas de Galicia que a construción do colector do Gafos é "irrenunciable"
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera acusa á Xunta de "roubar" a Pontevedra por non completar o saneamento do Río dos Gafos
Por Alejandro Espiño |