Cinco carrozas e 150 persoas acompañarán aos Reis Magos en Moraña
Por Redacción
Melchor, Gaspar e Baltasar non chegarán sos a Moraña. Un total de cinco carrozas e 150 persoas conformarán a cabalgata dos Reis Magos que na xornada de mañá percorrerá o Concello de Moraña durante toda a tarde.
A comitiva estará conformada por unha carroza de cada maxestade, Melchor, Gaspar e Baltasar, e outras dúas integradas por pastores e romanos, respectivamente, aínda que non se desbota que se incorpore unha sexta con elfos.
A cabalgata, como é habitual, comezará o seu percorrido polo rural arrancando ás 16.30 horas do Bar Congo, en Covelo. Posteriormente, e por espazo dunhas dúas horas, fará o seu traxecto pola igrexa de Saiáns, igrexa de Rebón, Casa Cultural de Amil, Casa Giao en Sorrego, Paraños, Soar, cemiterio de Cosoirado, Molina-Alende, Igrexa de Santa Xusta, Penagrande, Pumariño e O Souto para chegar, sobre as 19.00 horas, ao casco urbano de Santa Lucía.
Este percorrido contará cun autobús gratuíto de apoio para as persoas que queiran desprazarse á vila e que, ao seu remate, fará o mesmo traxecto de regreso.
Xa en Santa Lucía, comezará o pasarrúas principal coas citadas carrozas e formacións e o acompañamento de dez xinetes a cabalo ataviados de romanos. Tamén contará coa presenza e a animación da Asociación Cultural Seixebra, a Banda de Música Nova Lira e a escola deportiva municipal de patinaxe.
Tras o desfile, a carballeira da vila acollerá a tradicional recepción dos Reis, que atenderán aos cativos e recollerán as súas cartas ao tempo que se lles agasalla con caramelos.
A xornada festiva, que adoita encher as rúas, rematará cunha degustación gratuíta de chocolate con rosca.