O turismo dispárase en decembro cunha ocupación dez puntos superior a 2017
Por Redacción
O mes de decembro pechou na provincia de Pontevedra cuns datos turísticos moito máis satisfactorios que un ano antes. En concreto, a media mensual de ocupación hostaleira situouse no 39% das prazas dispoñibles, dez puntos superior ao 29% de decembro de 2017.
Segundo as cifras facilitadas este venres pola presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, a área de Vigo tivo durante o último mes os datos máis positivos, cunha ocupación que se situou no 68% no total da comarca e no 87% na cidade. Ademais, as porcentaxes aumentaron en datas sinaladas como Nadal -85% na cidade e 55% na comarca- e Noitevella -95% e 74%-.
O tirón de Vigo débese, segundo Carmela Silva, á iluminación do Nadal da cidade olívica e estendeuse ás comarcas máis próximas como Baixo Miño e O Morrazo. En todas as comarcas, a ocupación hostaleira media do mes foi varios puntos superior á de anos anteriores.
Nos cálculos de toda a provincia non se contabilizaron durante o último mes os relativos á localidade de Caldas de Reis, pois durante todo decembro permaneceron pechados os balnearios que adoitan incrementar as porcentaxes de ocupación durante todo o ano.
Na comarca do Morrazo rexistrouse unha ocupación do 23%, tres puntos superior á do ano pasado, superando o 30% en Nadal. En canto á comarca de Pontevedra, superouse o 45% de ocupación, 19 puntos superior a decembro do 2017 e acadando o 52% en Nadal. No Salnés rexistrou unha ocupación media do 48%, seis puntos máis que o ano pasado, incrementándose ata o 52% en Fin de Ano e ata o 65% en Nadal.
O perfil do turista coincide co de anos e meses anteriores, pois a maioría dos visitantes proceden do resto de España, fundamentalmente de Madrid, Barcelona, Badaxoz ou Valladolid. En canto aos turistas estranxeiros, chegaron desde Portugal, Francia, Arxentina, Reino Unido ou Taiwan. Esta última orixe chamou a atención de Carmela Silva.
A presidenta provincial destacou que este ano aumentou o turismo procedente de Portugal, en especial na cidade de Vigo. Os visitantes portugueses foron tradicionalmente moi numerosos na zona sur da provincia, pero reducíronse durante a crise. Agora volveron a remontar.
Relacionadas:
-
Galicia, ante o reto de prepararse para as "oportunidades" turísticas do AVE e o Xacobeo 2021
Por Alejandro Espiño |
-
A provincia de Pontevedra rexistrou un 64% de ocupación hostaleira media na ponte da Constitución
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A fin de ano achegouse a un 60% de ocupación hoteleira na provincia
Por Redacción |