Barro recibirá aos Reis Magos no Pazo da Crega
Por Redacción
Os Reis Magos xa están de camiño a Barro. Chegarán ao municipio o sábado 5 de xaneiro ás 17.30 horas. O Concello organizou unha recepción no Pazo da Crega, previo á tradicional cabalgata que percorrerá o núcleo de San Antoniño.
Durante a recepción no Pazo actuará o Grupo de Danzas Amor Ruibal e na Nave da Música os Reis recibirán aos nenos e nenas e faranlle entrega dun agasallo a todos eles.
Alí haberá unha festa infantil na que ademais de facer entrega dos premios do concurso de postais de nadal e da campaña Mercar en Barro, se repartirá chocolate con rosca a todos os asistentes.
Coa cabalgata, que sairá ás 18.30 horas e chegará ata a Nave da Música, e o Concerto de Reis da Banda Xuvenil de Barro que se vai celebrar o domingo 6 ás 19:00 horas tamén na Nave, vai rematar unha ampla programación que dende o 21 de decembro animou a centos de persoas tanto de Barro como de fóra do concello.