A Policía Local elabora un plan especial de tráfico con motivo da Cabalgata de Reis
Por Redacción
A celebración da tradicional Cabalgata de Reis, o vindeiro sábado 5 de xaneiro (18:00 horas), motivou a elaboración dun plan especial de tráfico por parte da Policía Local de Pontevedra.
A marcha das súas Maxestades de Oriente transcurrirá polas rúas Xosé Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena e Praza de España, estando previsto que estas vías queden pechadas ao tráfico ao redor das 17:30 horas, aínda que pode adiantarse se se produce unha alta afluencia de público. Só en Xosé Malvar o corte producirase ás 16:30 horas ao tratarse do lugar no que se concentrarán as carrozas.
Ademais a rúa Echegaray será o lugar de recollida das carrozas, o que provocará un peche puntual desta rúa e de Alameda con desvío do tráfico de saída da cidade cara á ponte das Correntes.
Restricións de estacionamento
A partir das 8:00 horas do sábado prohibirase aparcar na rúa José Malvar, prohibición que se estenderá ás 12:00 horas a Loureiro Crespo e Benito Corbal e ás 15:00 horas a Echegaray e Alameda, lugar reservado a estacionamento de taxis e motos.
Neste sentido a Policía Local solicita a colaboración dos condutores permanecendo atentos á sinalización, e concreta que vos vehículos estacionados con antelación á colocación dos sinais serán trasladados a outros lugar, mentres que os que aparquen posteriormente serán denunciados e retirados polo guindastre municipal.
Recomendacións
O plan de tráfico establece unha serie de recomendacións, como a utilización dos aparcadoiros disuasorios, xa que ningún deles estará afectado pola Cabalgata, ou o uso da AP-9 para cruzar dun lado a outro de Pontevedra. Tamén se recomenda evitar o tránsito de vehículos polo centro entre as 17:00 e as 21:00 horas e utilizar a entrada da cidade por Loureiro Crespo-Juan Carlos I en caso de dirixirse á zona leste.
O tráfico nas rúas afectadas quedará restablecido tan pronto os servizos de limpeza conclúan co seu labor.