Marea pide que se regule o funcionamento dos centros sociocomunitarios e se supervisen as súas contas
Por Redacción
A agrupación municipal de Marea Pontevedra presentou por rexistro unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación local pedindo que se regule o funcionamento dos centros sociocomunitarios e as instalacións deportivas que dependen directamente do Concello.
"Non hai coordinación no funcionamento e das actividades nos centros sociais e iso non permite que haxa unha oferta conxunta", explicou en rolda de prensa o concelleiro e portavoz da formación, Luís Rei.
Segundo Marea, a xestión destes centros "está cedida polo Concello e impera a discrecionalidade", acusou o edil alegando que se destina unha importante partida orzamentaria para o seu mantemento anual.
Rei, acompañado da número 2 do seu partido para as próximas eleccións, Teresa Casal, alegou que se trata dunha medida posta en marcha hai anos noutras cidades como Santiago de Compostela, por aquel entón baixo goberno bipartito PSOE-BNG, e Ourense (PP).
Ademais de solicitar a coordinación no seu funcionamento e na programación de actividades, Marea Pontevedra inclúe na súa moción a petición de supervisar as contas destes centros dos tres últimos anos, coincidindo co inicio do presente mandato municipal.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra presenta unha moción para limitar a proliferación de salóns de apostas
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada