A Lama SD recada 183 quilos de comida nun partido benéfico contra o Marcón Atlético
Por Redacción
O equipo de fútbol A Lama SD acaba de entregar aos servizos sociais do seu municipio un total de 183 quilos de alimentos non perecedoiros recadados durante a celebración do partido solidario disputado co Marcón Atlético, e que terminou con vitoria por 3-2 do equipo local.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, foi o encargado de recepcionar os 183 quilos de alimentos. Entregoullo o directivo Daniel Vidal nun pequeno acto celebrado no Consistorio. Agora, os servizos sociais do Concello serán os encargados de distribuír as doazóns entre familias en situación de emerxencia social.
A Lama SD leva xa varios anos organizando diversas actividades relacionadas coa operación quilo coa intención de mostrar nestas datas a cara máis solidaria do deporte.
Jorge Canda agradeceu en nome da Corporación Municipal o xesto solidario da Lama SD e enxalzou á directiva do club "formada por persoas moi activas e concienciadas non só coas necesidades sociais dos veciños en situación máis vulnerable senón porque son exemplo do bo facer e da boa imaxe da Lama, polo que nos sentimos todos os veciños moi orgullosos do seu traballo e da imaxe que trasladan do noso concello".