Deteñen por violencia de xénero un mozo que deu unha cabezada á súa parella en plena rúa e fíxolle sangrar o nariz
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo na primeira mañá do ano un mozo de 22 anos como presunto responsable dunha agresión machista tras ser denunciado pola súa parella por darlle unha forte cabezada en plena rúa, facéndolle sangrar o nariz.
Segundo informou a Policía Local, os feitos polos que foi detido ocorreron sobre as 6.15 horas da madrugada do 1 de xaneiro na confluencia entre as rúas Cobián Roffignac e Laranxo. Segundo o relato da vítima, a parella estaba a manter unha discusión e, no transcurso da mesma, o mozo deulle unha cabezada. A continuación, abandonou o lugar cale abaixo en dirección ao recinto feiral.
Tras a agresión, a vítima buscou a unha patrulla da Policía Local e abordou aos axentes na rúa Cobián Roffignac. Segundo os policías, estaba moi nerviosa, tiña as mans ensanguentadas e sangraba pola nariz.
A nova, veciña de Moraña de 21 anos, facilitou aos policías unha descrición da súa parella e, a continuación, foi trasladada a un centro sanitario para recibir atención médica. Mentres tanto, a Policía Local estableceu un dispositivo de procura para dar co agresor.
O home foi localizado unha hora despois, sobre as 7.15 horas dese mesmo día, cando camiñaba pola estrada vella de Marín. Atopábase á altura da factoría de Ence en Lourizán camiñando en dirección a Marín cando unha patrulla deulle o alto e procedeu á súa detención.
Tras lerlle os dereitos, os axentes trasladárono á Comisaría da Policía Nacional, onde permaneceu ata a súa posta a disposición do Xulgado de Garda. O mozo, de 22 anos, quedou en liberdade e a súa presunta vítima, nun primeiro momento, non solicitou unha orde de protección, segundo indicaron fontes policiais.