Os concellos incluídos na Rede Natura recibirán 637.000 euros
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou este xoves, en rolda de prensa, que o Goberno galego destinará unha partida de máis de 637.000 euros para 33 concellos da provincia situados dentro da Rede Natura co obxectivo de recuperar e conservar os seus espazos naturais.
No caso da capital da provincia, a axuda estará destinada a un proxecto para preservación dos hábitats naturais da ribeira do Lérez. Na Illa de Arousa, destinaranse as axudas á limpeza de camiños, saneamento do arborado e mellora da sinalización da ruta dos pirlos en Punta Carreirón. En Bueu recuperarase a antiga fábrica de salgadura e dos chozos de pastores en Cabo Udra. O concello de Campolameiro destinará esta subvención ao mantemento e conservación do parque botánico natural do Meneses, e Cambados ao acondicionamento da senda fluvial do río Umia.
PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS
O delegado territorial aproveitou a rolda de prensa para recordar que a Xunta acaba tamén de convocar axudas para o desenvolvemento de actividades no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Altánticas.
Esta resolución establece que os concellos beneficiados serán Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo, ao ocupar parte da súa superficie o ámbito de influencia socioeconómica do Parque Nacional. Tamén serán beneficiarias destas axudas aquelas persoas físicas e entidades públicas e privadas, cuxa sede e actividade se sitúe neste entorno natural.