Últimos días para presentar propostas aos premios Cidade de Pontevedra, co CRE da ONCE como único candidato
Por Redacción
As persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados en presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra xa teñen por diante menos dunha semana para facer as súas propostas. Nesta recta final do prazo, tan só hai unha candidatura sobre a mesa: o Centro de Recursos Educativos da ONCE na cidade.
A Concellaría de Cultura lembra o 5 de xaneiro é a data recollida nas bases dos premios como límite para formalizar as propostas, pero coincide en sábado, un día que non é hábil na administración, de modo que o prazo estenderase ata o luns seguinte, o día 7.
O Concello ten rexistradas as dúas primeiras propostas para os Cidade de Pontevedra deste ano, pero as dúas teñen un mesmo protagonista: o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, que cumpriu o seu 75 aniversario. As propostas foron rexistradas pola Asociación Síndrome de Down Xuntos e pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra.
As propostas deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado e presentarse dentro de prazo no Rexistro do Concello.
Os Cidade de Pontevedra teñen dúas modalidades: persoa física e persoa xurídica. O xurado valorará o traballo realizado polos candidatos, sobre todo, no último ano e o seu papel na proxección de Pontevedra e os pontevedreses.
Os galardóns serán entregados nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá, como cada ano, o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, patrón de Pontevedra.