Un garda civil fóra de servizo localiza un can perigoso que levaba días dando problemas no Lago de Castiñeiras
Por Natalia Puga
Un axente da Garda Civil franco de servizo logrou este luns localizar e levar a un lugar seguro a un can de raza potencialmente perigosa que levaba varios días xerando situacións de risco ao botarse aos vehículos que circulaban pola zona do Lago de Castiñeiras.
Os avisos pola presenza deste can na zona motivaran que o estivesen buscando desde hai unha semana e tanto as situacións de perigo policial que xeraba como esa procura terminaron na tarde deste luns 31 de decembro grazas á intervención de Félix, un axente adscrito ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Cangas.
O axente localizouno e seguiuno ata o lugar de Carballal, en Marín. Unha vez alí, coa axuda da Policía Local, logrou arrinconalo e introducilo nunha vivenda para posteriormente suxeitalo cunha corda.
Unha vez que o can estaba ben suxeito e se evitaba a súa fuxida, o citado garda civil pasou aviso á central da Garda Civil de Pontevedra e pediuse a intervención do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira ( CAAN) da Deputación Provincial.
O persoal do CAAN acudiu ao lugar para recoller o animal e trasladalo ás súas instalacións de Armenteira ao confirmar que resulta imposible localizar aos seus propietarios ao carecer do microchip identificativo obrigatorio.