Atracan un 24 horas de Sanxenxo a punta de pistola
Por Redacción
Un mozo de 27 anos foi detido pola Garda Civil como presunto autor do atraco que, a punta de pistola, sufriu esta madrugada un establecemento 24 horas de Sanxenxo.
Segundo informou o instituto armado, o atraco produciuse sobre as cinco da madrugada.
O responsable do local explicou que un individuo entrara na tenda, portando unha arma corta na man, e tras intimidalo levou 700 euros da recadación.
Os axentes, pertencentes aos postos de Sanxenxo e O Grove, averiguaron que o atracador, despois de abandonar as 24 horas, collera un taxi.
Foi localizado, pouco despois, nun local de copas de Sanxenxo. No cacheo que se lle realizou ao ser detido, non se lle atopou arma algunha.
O detido, natural de Vilanova de Arousa e residente en Portonovo, será posto a disposición xudicial como presunto autor dun delito de roubo con intimidación.