Moraña acomete o acondicionamento dunha pista no interior de Alende
Por Redacción
O Concello de Moraña está a acometer a derradeira mellora viaria do presente exercicio coas obras de acondicionamento integral dunha pista interior de acceso á zona de vivendas de Alende, na parroquia de Santa Xusta, que beneficiará a un treito duns 140 metros moi empregado polos veciños.
Esta actuación, orzamentada en máis de 5.000 euros, comezou coa limpeza mecánica dos escombros existentes na vía e a súa contorna nunha superficie duns 300 metros cadrados e posteriormente procedeuse á dotación dunha completa soleira de áridos e mallazo para facer máis consistente a futura capa de rodadura. Tras estes traballos, a obra estase a concluir coa implantación do formigonado.
Paralelamente, na mesma zona tamén estase a acometer o arranxo do entubado do saneamento, xa que estaba a dar problemas, con certos desbordamentos, no entronque desta pista interior coa estrada PO-221 que atravesa o lugar.
Con motivo desta derradeira mellora viaria do ano, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata a zona e estivo a comprobar o seu desenvolvemento e, sobre todo, a departir cos operarios sobre a solución á tubaxe dos sumidoiros.
Finalmente, explicou que o Plan de Vías 2019 poñerase de inmediato en marcha a comezos de ano en Calvo, San Pedro e Rebón de Arriba (Rebón), Chan de Amil, O Outeiro, Cartamil e Barro (Amil), na pista Soar-Cosoirado, Penagrande e O Casal (Laxe), San Martiño de Gargantáns, A Igrexa (Lamas) e Sabadín (Saiáns).