A Deputación insta á Xunta a reformular a súa política referida á Atención Primaria
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra insta á Xunta de Galicia a reformular a súa política referida á Atención Primaria e desenvolver durante o ano 2019 un plan de mellora. Así o acordou por maioría no Pleno Ordinario celebrado este venres cos votos a favor de PSOE, BNG, Coalición SON e a abstención do PP.
Segundo o acordado, a Deputación esixe ao goberno galego que poña en marcha un plan de contratación de profesionais de atención primaria que permita ampliar o volume de persoal e así "evitar o peche de centros" e a concentración de servizos, así como cubrir "con garantías" as baixas e vacacións sen que iso supoña unha saturación do sistema e unha perda de calidade asistencial.
Ademáis piden que se estableza un programa de reforma de centros de saúde e construción de novos, que permita a mellora da rede de centros en base a un informe de necesidades tendo en conta tanto o tamaño e tipo da poboación a atender como criterios estratéxicos de afixación demográfica.
Tamén demanda da Xunta que realice unha avaliación de necesidades de recursos materiais, atendendo ás demandas dos xefes de servicio e traballadores de Atención Primaria, comprometéndose a dotar de orzamento ás partidas necesarias para cubrir estas necesidades.
E finalmente, a Deputación de Pontevedra reclama da Xunta que retome as xerencias de Atención Primaria e incluír esta figura na Dirección de cada área sanitaria, dotándoa de autonomía e orzamento para promover a mellora da Atención Primaria, nun prazo máximo de seis meses.
A moción foi presentada de manera conxunta polos grupos do PSdeG e BNG que na súa xustificación sinalaron que a Consellería de Sanidade "segue a perpetuar a súa política de recorte non substituíndo aos profesionais e agrupando servicios e atención nos centros de atención primaria das cabeceiras de comarca, co obxectivo de recortar o gasto a pesares das consecuencias na calidade de asistencia".
Pola súa banda, o voceiro do Partido Popular argumentou que "recoñecemos pequenos problemas e con humildade os trataremos de mellorar".