Defensa reitera que Alba García non pode ser garda civil por ser celiaca
Por Alejandro Espiño
Alba García, a moza de Poio á que non permiten acceder á Garda Civil por ser celiaca, terá que seguir loitando. O Ministerio de Defensa rexeitou o recurso presentado ante a súa exclusión. Reitera que a súa enfermidade dixestiva provoca que "non sexa apta" para entrar no corpo e desempeñar as funcións que ten encomendadas.
"Es una total decepción", explicou Alba, que este venres ofreceu unha rolda de prensa acompañada da súa nai, Pilar Revestido, e do seu avogado, Manuel Novás. "Y más cuando tenía la esperanza de que se resolviese. Que te vuelvan a decir que no es una gran injusticia".
O seu avogado foi máis aló. A resposta de Defensa parécelle "impresentable" e supón unha "discriminación real" contra esta moza, que viola mesmo o artigo 14 da Constitución, que segundo lembrou recolle que todos os españois "son iguales ante la ley", algo que non se respecta neste caso.
Defensa alega, na súa resolución, que a moza non impugnou "en ningún momento" as bases da convocatoria. O letrado asegurou que non o fixeron porque ese documento non recollía a celiaquía como causa de exclusión, igual que tampouco o fan as ordes de 2007 e 2009, publicadas no Boletín Oficial do Estado, que regulan estas incompatibilidades médicas.
Manuel Novás lamentou que Defensa non considerase os informes médicos de Alba, que acreditan que a celiaquía da moza foi detectada aos catro anos, non precisa de medicación ao estar controlada nin a invalida para cumprir coas súas funcións. "Si los hubieran considerado no podrían haber dicho lo que pone esta resolución", dixo.
Ademais, lembrou que Alba superou todas as probas físicas de acceso e é deportista de alta competición, en ximnasia rítmica, desde que era unha nena. De feito, engadiu que "si ella no lo hubiese dicho ante el tribunal, ahora estaría dentro y formándose en la academia", algo que fixo "por honestidad y de buena fe".
A decisión de Defensa de manter a exclusión da moza, segundo o seu avogado, "va en contra" dos actos do propio Goberno de Pedro Sánchez, que recentemente anunciou que os celiacos non serán apartados pola súa enfermidade, igual que xa non o son noutros corpos como a Policía Nacional, onde mesmo se preparan menús aptos para eles.
Ante esta situación, engadiu o letrado, Alba e a súa familia seguirán loitando pola vía xudicial. Será cun recurso contencioso administrativo que presentarán nos próximos días ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. Pero avanzan que tamén comezarán a moverse social e politicamente.
Así, poñerán o caso en coñecemento de todos os grupos políticos que teñen representación no Congreso dos Deputados "para que sean conscientes de esta injusticia" e do que está a pasar unha moza de 18 anos que, segundo lembrou, ten como máxima ilusión servir á cidadanía como garda civil.