Seis mercantes operan de forma simultánea este venres no Porto de Marín
Por Redacción
O Porto de Marín contou este venres con plena actividade operativa nos seus peiraos. Nos denominados Leirós e Oeste están a descargarse dous grandes graneleiros con 33.000 e 55.000 toneladas de sorgo e millo, respectivamente.
Na terminal de contedores opera o buque Sentosa con dobre operativa de carga e descarga de 10.000 toneladas, segundo a información facilitada pola Autoridade Portuaria de Marín.
Mentres tanto, nos peiraos Adolfo Reboredo tamén se atopa en actividade un mercante con produtos siderúrxicos. Tamén a Terminal Cuberta conta cunha carga de pasta de papel de Ence, que terá como destino o porto francés de Rouen.
Nas próximas horas tamén se sumase outro buque mercante fondeado na ría de Pontevedra, cargado con produtos siderúrxicos.
Ademais estanse desenvolvendo operacións ferroviarias de dous trens, un deles de saída con cereais e outro de entrada, con contedores. Tamén durante este venres está a traballarse a pleno rendemento no PIF coa inspección de pesca conxelada e de expedición de froita descargada esta semana que será trasladada a toda a Península.