A Lama aproba un orzamento municipal de 1,5 millóns de euros
Por Redacción
A corporación municipal da Lama aprobou os orzamentos municipais para o ano 2019 que alcanza un montante total de 1.557.216,98 euros, uns 26.000 euros superior ao do exercicio anterior.
As contas van orientadas a manter os servizos públicos e a asistencia social, favorecer investimentos en viarios e a acción dos colectivos sociais e culturais do municipio
Segundo o alcalde Jorge Canda son uns orzamentos "feitos desde a responsabilidade e desde a solvencia económica do noso concello" que non ten débedas.
Canda entende que os orzamentos son "axeitados para un concello das nosas características" e reiterou a disposición do seu equipo de goberno a manter, novamente, conxeladas as taxas e impostos municipais.
O concelleiro socialista César Vidal votou a favor do orzamento mentres que o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal, fíxoo en contra "por non ter tempo para ler o documento".
O portavoz do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro atópase en México a raíz do falecemento do seu pai. O alcalde e todos os membros da Corporación expresaron publicamente as súas condolencias.
Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade a desafectación definitiva do ben de dominio publico do Centro de Saúde que agora pasará a depender directamente do Sergas e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia quen tamén se fará cargo do mantemento deste edificio e dos custos derivados da súa actividade sanitaria.