O BNG denunciará ante a Unión Europea o estado do encoro do Umia
Por Redacción
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, compareceu este xoves en rolda de prensa no encoro da Baxe para anunciar a iniciativa do seu grupo no Parlamento Europeo para cuestionar á Comisión Europea sobre o encoro da Baxe e o abastecemento de auga aos concellos afectados.
Ana Miranda estivo acompañanada polos portavoces do BNG dos concellos de Caldas, Cuntis, Moraña, Portas, Vilagarcía, Meis, Vilanova e Cambados.
A eurodeputada manifestou que este encoro nunca atendeu á finalidade e funcións que se aduciron para a súa construción e está a tinguirse de verde cada ano por mor dunha forte contaminación por cianobacterias.
Na rolda de prensa anunciaron que Manuel Fariña acudirá o vindeiro 7 de febreiro a Bruxelas, onde participará nun debate sobre a directiva marco da auga e onde presentará ademais unha denuncia ante a Comisión de Peticións da Unión Europea.