Moraña constrúe cunetas en Suigrexa para corrixir a escorrentía
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de comezar as obras de construción de cunetas no lugar de Suigrexa, na parroquia de Saiáns, para favorecer a seguridade viaria do acceso á parte superior da aldea, xa que con esta infraestrutura correxiranse as escorrentías das augas das choivas, habituais nesta zona pola forte pendente existente.
Os traballos, que suporán a construción de 210 metros de lonxitude de gabias na marxe interior da pista, contan cun orzamento de case 8.000 euros e o seu arranque foi visitado pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, que estivo a comprobar a posta en marcha da actuación.
As obras consistirán no perfilado axeitado dos foxos laterais existentes, o posterior corte do aglomerado e a dotación de formigonado en forma de V, que exercerá de cuneta interior na pista que baixa cara Santa Margarida e que evacuará as choivas que adoitan discorrer polo medio desta estrada.
A rexedora local, que pediu desculpas polas posibles molestias da obra e adiantou que se executarán moi axilmente en apenas uns días, explicou que a construción destas cunetas "ten gran importancia para corrixir a caída da auga polo medio desa pista, o que facía bastante incómoda a circulación nos días de choiva".
Piñeiro achacou este problema á propia configuración desta estrada e á complicada orografía, cun forte desnivel que hai neste acceso, pero sinalou que "cremos que vai quedar solucionado con esta obra porque esta deseñada para recoller todas as pluviais e que ademais o fagan cara a parte interior da vía, polo que agardamos que os veciños de Suigrexa xa non sufran máis estas escorrentías".